top of page

Éxito da XVI Festa da Merenda de Aiazo


A XVI Festa da Merenda de Aiazo reuniu o domingo 2 de abril milleiros de persoas en torno ás famosas tortillas de masa con torriscos. O tempo acompañou e, sobre todo, a xente máis nova foi a gran protagonista, salientan dende o Concello, parabenizando á organización polo seu traballo, "en especial ás cociñeiras e a todas as persoas que estiveron á fronte da degustación de tortillas".

A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acolleu onte a edición número dezaseis da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello. Arrincou a media mañá coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e rematou ben entrada a noite coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza. Durante a mañá amenizaron a festa a Charanga BB+ e o Grupo Barceló.

Unhas 25 cociñeiras comezaron a preparar as tortillas de masa a partir do mediodía. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira dálle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).


A Festa da Merenda naceu para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutrora e que rematou converténdose nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca. Comezou como festa nocturna para converterse nunha xornada gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas.




コメント


bottom of page