A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, premiada pola súa ruta inclusiva
- Crónicas da comarca
- 10 dic 2021
- 1 Min. de lectura

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que inclúe a concellos coma os de Oroso, Ordes e Mesía, foi distinguida coa Mención Especial da duodécima edición dos premios Carro de Plata, que organiza a asociación sociocultural ASCM de Ferrol. O galardón foi recollido polo presidente da asociación, Manuel Mirás Franqueira, durante a gala de entrega de premios deste ano 2021 celebrada na sede de Afundación en Ferrol.
Manuel Mirás amosouse moi agradecido por esta Mención Especial concedida pola asociación sociocultural ASCM xa que “supón valorar os esforzos que os 16 municipios que integramos a Asociación de Concellos do Camiño Inglés estamos a facer para promover unha ruta xacobea o máis accesible e inclusiva posible, acometendo tamén distintas obras de humanización e mellora do camiño. Seguiremos traballando conxuntamente para conseguír un Camiño Inglés cada vez máis inclusivo e accesible”. O premio foille entregado pola presidenta de ASCM, Paula Gárate Formoso.
Durante a gala, amenizada musicalmente polo grupo BÖJ e a agrupación musical Santísimo Cristo de la Buena Muerte de Ferrol, entregouse o Carro de Prata a Leroy Merlín, polo seu traballo na inclusión laboral; un accésit á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, en recoñecemento ao seu labor no 50 aniversario do colectivo; o título de Voluntaria do Ano 2021 a Toñita Espiñeira e unha mención especial a Noemí González.
Na Gala estiveron presentes a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, Cristina Pichel; a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas; a concelleira de Benestar do Concello de Ferrol, Eva Martínez; e a xerente e o secretario da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García e Pablo Beade.
Comentários