A Casa Grande de Xanceda acollerá un Espazo Natural Protexido
- Crónicas da comarca
- 27 abr 2022
- 3 Min. de lectura

A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, situada no concello de Mesía, terá dentro dos seus terreos o Espazo Privado de Interese Natural Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro. Xa foi aprobado pola Consellería de Medio ambiente e será publicado no DOG o vindeiro 4 de maio.
A conselleira de Medio ambiente, Ánxeles Vázquez e o xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, inaugurárono coa carballeira centenaria de fondo que o propio Espazo Natural protexe.
Unha idea que naceu en 2020
O xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, decidiu, a principios de 2020 propoñer as fragas e brañas do Alto Gaiteiro como espazo privado de interese natural ante a Xunta de Galicia. Trátase de 74,5 hectáreas dos terreos de Casa Grande de Xanceda. Neles, tal e como recoñece a propia administración galega, acreditáronse paraxes naturais que posúen valores singulares e que reúnen as condicións para esta declaración.

Este recoñecemento reforza a filosofía coa que naceu Casa Grande de Xanceda: a posible coexistencia entre a actividade agrogandeira e a protección do medio natural que a rodea.
Valores naturais preservados
Casa Grande de Xanceda conserva 200 hectáreas de pastos, bosques e humedais libres de herbicidas, pesticidas e fertilizantes químicos desde hai décadas. O informe técnico presentado para a consecución do espazo privado de interese natural recolle que “a diversidade de insectos e polinizadores é considerable” e a “notable mostra de sebes, brañas, fragas e vexetación, fan que esta paraxe manteña uns valores naturais que merecen ser preservados e potenciados”.
Ademais, o informe subliña que o abandono da actividade agraria ecolóxica de Casa Grande de Xanceda poñería en risco a diversidade da zona, con degradación da paisaxe e perda de biodiversidade.
Casa Grande de Xanceda conta, ademais, cun regato que nace nun dos seus prados, A Braña do Galo, chamado O Rego de Xanceda. Un paseo polas súas beiras abonda para percibir un bosque de ribeira ben conservado e continuo ao longo de todo o seu curso.
Outro elemento natural destacado no informe técnico consiste na presenza de “dúas carballeiras galaico-portuguesas de gran valor natural e etnográfico”. Unha delas, a máis madura, está “perfectamente conservada, moi vella, formada por setenta carballos de gran porte”. Tamén subliña a importancia das brañas e as pozas identificadas.
A granxa mantén, de xeito intencionado, a vexetación das marxes das fincas, as chamadas sebes. Isto tamén foi valorado pola Xunta para a declaración de espazo protexido porque as sebes “constitúen corredores ecolóxicos e refuxio para multitude de especies animais e vexetais”. Así mesmo, “conforman unha paisaxe en mosaico característica do medio rural galego”.
Riqueza de especies
Para a solicitude da declaración de espazo natural protexido, Casa Grande de Xanceda contou con Puertas Afuera. No traballo no terreo para a elaboración do informe identificáronse 145 especies de plantas, 92 de aves (dúas delas especie vulnerable), 26 especies de mamíferos, 13 de anfibios (sete delas vulnerables), 9 réptiles (dúas delas en réxime de protección especial), 60 especies de invertebrados e 3 especies de peixes continentais. Ademais, este grupo de expertos en medio ambiente, resaltan que as paraxes incluídas nas Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro “constitúen un hábitat singularmente propicio para anfibios como a ra patilonga, a ra de Santo Antón e o tritón ibérico”.
O informe técnico presentado ante a Xunta destaca tamén a importancia dos polinizadores presentes en todo o espazo por ser a súa presenza “esencial para a preservación do medioabiente polo servizo que prestan ao ecosistema”.
Canto ás especies vexetais destaca a presenza de bidueiro, salgueiro, sanguiño, abeleira, estripeiro, silva, senecio de folla longa e numerosos fieitos, sendo as especies dominantes o carballo, o castiñeiro e o loureiro. Tamén, en menor medida, loureiro real, acivro ou carballo cerqueiro.
A importancia do medio
O espazo natural Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro non só considera a importancia da preservación e fomento dos elementos naturais que o constitúen, senón tamén a paisaxe e a contorna que o rodean. Este espazo natural ten arredor unha paisaxe agraria galega clásica, libre de grandes construcións ou infraestruturas industriais que o contaminen. Por iso, o informe técnico presentado ante a Xunta recoñece a relevancia dentro deste espazo natural do grupo arquitectónico que constitúe a Casa Grande, unha casa agraria do s. XVIII xunto co seu hórreo, recoñecido como BIC pola Xunta por ter máis de 100 anos de antigüidade. Ademais, na contorna inmediata existen dúas mámoas, as mámoas das Medorras.
Комментарии