A Casa Grande de Xanceda, a granxa ecolóxica ubicada no corazón de Mesía, organiza esta fin de semana o Xanceda Market nas súas instalacións. O obxectivo é poder dar saída a todos os iogures ecolóxicos que se quedaron nos seus almacéns debido ao paro do transporte.
As persoas que se acheguen ao Xanceda Market poderán facer unha compra ao máis puro estilo granxeiro: con acceso a unha parte da granxa con sala de muxido, zonas de diversión para nenos e a presenza de animais como un burro, cuxiños ou a cadeliña Malibú. Para visitar o recinto e gozar da granxa solicitouse rexistro aos visitantes por motivos de seguridade, espazo e organización, enchéndose en poucas horas o aforo. Os iogures venderanse en bandexas de 6 packs e con descontos. Funcionará como unha pop up store: só estará aberto a fin de semana.
Unha situación insostible
Debido ao paro do transporte, Casa Grande de Xanceda leva máis dunha semana sen poder distribuír os seus lácteos con normalidade. Esta situación é complexa xa que as vacas da granxa seguen a producir leite pero xa non hai capacidade para almacenar máis produto.
En todo caso, se quedasen iogures non se perderán porque serán doados. Casa Grande de Xanceda mantén unha política de 0 desperdicio de alimentos: o ano pasado a firma doou 27.000€ en produtos. Ademais, dispón de programas de RSC locais de doazón de produtos para familias que o precisan e para celebrar os nacementos rurais en Mesía, o concello onde se ubica.
Comments