top of page

A concelleira de educación supervisa as obras dos colexios de Ordes



Susana García visitou os centros Castelao e Campomaior. Melloras en cociñas, instalación dun ascensor, illamento de fachadas e cubertas, tabicados ou o cambio de carpinterías metálicas con ponte térmica son algunhas das actuacións que se están a levar a cabo dende este verán.


Aproveitando o inicio do curso académico 2022-23 a concelleira de Educación, Susana García, visitou recentemente os colexios Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Campomaior. Acompañada dos directores e membros do persoal de ambos centros supervisou as últimas obras, reformas e melloras que se están a levar a cabo dende este verán en ambos centros.


No caso do CEIP Castelao destacan varias intervencións no edificio que alberga as aulas e espazos destinados a educación infantil. O proxecto está a posibilitar o illamento exterior do inmoble cun sistema tipo SATE aplicado en fachadas e cubertas. Xa conta cun novo sistema de fiestras, tras a substitución das antigas por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatente. No edificio principal estase a instalar un ascensor, o que permitirá a accesibilidade sen ningún tipo de barreiras ante calquera caso de diversidade funcional. O investimento levado a cabo nestas obras, as cales están a piques de rematar, ascendeu a 146.000 euros por parte das Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.


A edil tamén tivo oportunidade de comprobar as melloras levadas a cabo na zona do comedor e cociña, onde cada día se ofrece unha media de 300 servizos. Así o persoal xa dispón de novos elementos como unha mesa de aceiro de 7 metros, un novo lavalouzas, ademais doutras melloras tanto na instalación eléctrica, na fontanería e nos sistemas de protección de gas.


No caso do CEIP Campomaior a concelleira quixo visitar a aula de inglés e o laboratorio, que xa contan cun novo tabique divisorio de pladur. Isto posibilita o illamento e independenza de ambos espazos evitando, entre outros inconvintes, as interrupcións acústicas e incidindo na eficiencia enerxética do sistema de calefacción.


Susana García transmitiulle ao director do centro o seu interese por iniciar o antes posible as conversas e trámites necesarios coa Xunta de Galicia para solicitar o cambio das cubertas. Tanto as do inmoble principal como as do patio exterior e a do corredor que comunica coa parada dos buses escolares.


Neste eido cabe salientar que en breve a Xunta de Galicia sacará a licitación a instalación dun ascensor no CEIP O Mesón do Vento, así como o pintado e a execución de SATE en parte das fachadas do edificio do comedor. Unha obra cuxo investimento chega aos 119.000 euros.


Case 1000 alumnos/as Neste novo curso o municipio de Ordes conta con 992 rapaces e rapazas escolarizados nos tres colexios que imparten educación infantil e primaria. O que alcanza un maior número é o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao con 505 alumnos/as (144 en infantil e 361 en primaria), seguido do CEIP Campomaior con 350 (96 en infantil e 254 en primaria). Por último está o CEIP O Mesón do Vento con 137 (56 en infantil e 81 en primaria).

Comments


bottom of page