top of page

A Deputación aproba os 47 primeiros millóns de euros do POS+2023 con fortes investimentos na comarca



O derradeiro pleno deste mandato da Deputación da Coruña serviu para a aprobación dos primeiros 47 millóns de euros do Plan Único POS+2023 por unanimidade. O plan cubrirá o financiamento de 200 obras por toda a provincia e outros 7 millóns para gasto social. En total, o POS+2023 terá un orzamento de 89 millóns de euros para 93 concellos.


Dentro do apartado de Vías e Obras, o pleno destina máis de 5 millóns de euros ás estradas. Salienta, na comarca de Ordes, a remodelación da avenida da Grabanxa de Oroso con máis de medio millón de euros de investimento, ou o ensanche e mellora da DP-4701 en Mesía, por dous millóns de euros.


Por concellos da comarca de Ordes, o POS+2023 desglosa o gasto diferenciando o xeral e o social. Así, a Cerceda correspóndenlle 459.331,42 euros, dos cales 73.788,40 irán a gasto social. Contará con dous investimentos. Pola súa banda, en Frades o investimento chegará aos 347.282,13 euros, con 65.358,06 en gasto social. Neste concello haberá un investimento.


En Mesía, o POS+2023 contempla 4 obras e un investimento total de 414.818,64 €, con 64.966,77 destinados gasto social. Pola súa parte en Ordes o investimento total suma 717.158,68, con 116.948,67 de gasto social, e dous investimentos.


No tocante a Oroso, no POS+2023 recóllense 550.330,75 euros e dous investimentos, con 71.528,56 € para gasto social. En Tordoia, son 428.304,82 euros os contemplados no plan, dos cales 70.388,18 van para o POS+ Social. Hai dous investimentos previstos.


Por último, en Trazo prevense dous investimentos, cun orzamento total de 385.330,97 euros. Do POS+2023, 63.577,33 euros destínanse ao POS+ Social.


O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. Ademáis, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.





Comments


bottom of page