A Deputación arranxa as estradas danadas polo desvío de tráfico na construción da ponte do Gatofero
- Crónicas da comarca
- 22 oct 2021
- 2 Min. de lectura

A Deputación vai investir máis de 140.000 no arranxo das dúas estradas municipais afectadas polo desvío do tráfico durante a construción da ponte sobre o rego Gatofero. Durante a execución das obras houbo que desviar o tráfico por dúas estradas municipais, que resultaron danadas polo tráfico de vehículos pesados. O PSOE de Trazo celebra que a Deputación atenda así as súas peticións neste sentido. O convenio para esta reparación aprobarase no Pleno de outubro, sinala Beatriz Domínguez, voceira do PSOE de Trazo.
A primeira estrada afectada foi a que vai dende a DP-7804, á altura de Ponte Albar, ata Chaián. O tramo, duns 2,4 km, tiña un pavimento con tratamento superficial que agora está cheo de fochancas e afundimentos provocados polo tráfico desviado das obras da ponte sobre o rego Gatofero. A Deputación ten previsto aplicar un dobre tratamento superficial en todo o ancho da plataforma, así como arranxar un tramo de canalización danado e facer outro tramo de cuneta de formigón para mellorar a seguridade na zona.
A segunda estrada danada é a que vai dende o cruce en Chaián ata a ponte sobre o río Tambre. Un viario duns 1.300 metros cun pavimento de mestura bituminosa en quente. Neste caso, o ente provincial procederá ao fresado e reposición das zonas deterioradas para despois unificar todo o firme cun microaglomerado en frío en todo o ancho da plataforma. Ademais, reporanse os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e reporase o tramo de canalización danado.
Beatriz Domínguez agradece “a receptividade e dilixencia que tivo a Deputación da Coruña ao recoñecer os danos causados nestas dúas estradas, que viñeron comprobar in situ deputados provinciais como Antonio Leira ou Blas García, así como a disposición a asinar un convenio de colaboración para arranxar os danos”
Comments