top of page

A Deputación construirá unha senda peonil entre Ponte Carreira e Aiazo

Actualizado: 5 oct 2023



O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra a próxima construción, por parte da Deputación da Coruña, dunha senda peonil pola marxe esquerda da DP-3802, entre os núcleos de Ponte Carreira e Aiazo. Así, o proxecto “Mellora da seguridade viaria na estrada DP-3802 Ordes-Ponte Carreira pk 14+445 ao 16+825 marxe esquerda”, orzamentado en 527.175,85 euros, formará parte da sexta fase do Plan de Vías Provinciais 2023, que será aprobada polo Pleno Provincial deste venres 29 de setembro.


Roberto Rey destaca o éxito da consecución desta obra, froito “das xestións feitas na Deputación nestes primeiros meses como deputado provincial e despois de moitos anos de defender as nosas propostas porque eran as máis xustas cos veciños e veciñas”. Un traballo no que agradece especialmente o apoio amosado polo anterior responsable provincial de Vías e Obras, Xosé Manuel Pequeño, “que dende que veu visitar a zona e se decatou da necesidade desta senda non deixou de traballar por ela e mantivo o seu compromiso con Frades ata o final, deixando todo listo para que esta licitación sexa unha realidade”.


Así mesmo, o alcalde de Frades salienta que a obra licitarase nunha única anualidade e a Deputación achegará 48.066,64 euros para pagar as expropiacións de terreo aos veciños e veciñas propietarios. “Finalmente, a obra licitarase tal e como solicitou o Concello de Frades dende o primeiro momento e a pesar dos intentos dalgúns responsables políticos de forzar a división do proxecto ou instando a que fose o Concello quen negociara cos veciños a cesión gratuíta dos terreos, cando nesta mesma estrada e noutro concello si que se estaban pagando as expropiacións”, apunta Roberto Rey.


Finalmente, adianta que “nos próximos dous anos que estarei como deputado provincial traballarei para conseguir tamén a senda peonil de Moar ao longo da DP-3801, estrada na que non hai nin un quilómetro de senda en territorio de Frades. Tentaremos axilizar no posible a construción desa senda entre o cruce coa DP-3802 e a igrexa de Moar”.


Catorce anos de agarda

O Pleno Provincial puxo fin a catorce anos de espera do Concello de Frades, dende que no ano 2009 pedir formalmente a inclusión de catro proxectos de sendas no Plan de Seguridade Viaria da Deputación da Coruña. So dous deles, que suman 1,5 quilómetros, están feitos, o que fai de Frades un dos municipios da provincia con menos quilómetros de sendas peonís en estradas provinciais.


O proxecto xa superou os trámites de aprobación tanto pola Comisión de Infraestruturas Viarias, Vías e Obras Provinciais como polo Servizo de Patrimonio e Contratación, ademais de contar cun informe de fiscalización favorable. Unha vez realizadas as expropiacións dos terreos necesarios e de seren licitadas as obras, o prazo de execución será de seis meses.


O proxecto inclúe a construción dunha senda peonil de case 2,5 quilómetros de lonxitude entre os núcleos de poboación de Aiazo e Ponte Carreira, seguindo a marxe esquerda da estrada DP-3802. Na actualidade o tránsito de peóns pola zona é moi perigoso xa que na maior parte do traxecto non hai cunetas transitable nin apenas lugares onde apartar no caso de paso de vehículos. Ademais, esta é unha das estradas de maior tránsito de vehículos no municipio.


O pleno da Deputación aprobou por unanimidade o proxecto dunha actuación de seguridade viaria moi demandada nos últimos anos pola veciñanza dos concellos de Ordes e Frades.A Deputación entende que esta senda é unha prioridade que mellorará a seguridade de moitos veciños que circulan a pé por estas parroquias e lembra o seu compromiso coas administracións públicas locais para este proxecto sexa unha realidade.


Críticas dos socialistas

O PSdeG-PSOE de Frades celebra que a Deputación da Coruña dea luz verde á senda peonil entre Aiazo e Ponte Carreira, á que destinará un investimento de 527.000 euros.

O voceiro dos socialistas no municipio, Enrique Astray, sinala que a aprobación da obra “é unha moi boa nova para a veciñanza de Frades, que leva anos reclamándoa”. Destaca que o desta senda é “un proxecto polo que loitamos todos os grupos políticos”. “Ao ser froito dun traballo de todos, resulta sorprendente que o alcalde intente presentar esta aprobación técnica como un logro único e persoal”, critica Astray.

Comentarios


bottom of page