top of page

A Deputación dá luz verde a un investimento de 289.000 euros para un novo tramo da Vía Verde en Santiago

Actualizado: 5 mar


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para financiar o tramo 2.1 da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Para este fin, a entidade provincial aportará 289.216,39 euros con cargo ao PSTD da Vía Verde, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con

fondos Next Generation EU.


O treito 2.1 da Vía Verde, que discorre ao completo polo termo municipal de Santiago de Compostela, conta cunha lonxitude a acondicionar de 3.170 metros, dende o punto quilométrico 7+010, no acceso á aldea de Ramelle, ao 10+180, na ponte sobre o río Tambre. Neste tramo contémplanse as obras necesarias para o uso do trazado por cicloturistas e camiñantes, con actuacións sobre o firme e a drenaxe, ou a construción de muros, varandas e outros elementos de seguridade.


Este proxecto é a primeira das dúas subfases necesarias para completar o tramo II da Vía Verde, a parte que resta para completar dita infraestrutura. Formoso indicou que con este convenio “damos un paso máis para conectar a cidade de Santiago coa maior Verde de Galicia e completar os 36 quilómetros dun itinerario que non só recupera a historia e patrimonio ferroviario da comarca, senón que xa é unha referencia no ámbito da mobilidade sostible e un lugar para o lecer e a práctica do deporte en plena natureza para miles de

usuarios”


As obras no primeiro tramo da Vía Verde en Compostelaa, que van dende a estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2+200, arrincaron a finais de setembro de 2024, iniciando a conexión da cidade de Santiago coa Vía Verde, e avanzan a bo ritmo.


En total, o conxunto das actuacións nos tramos I e II suporán un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e permitirán sumar 10 quilómetros máis aos 26 que xa compoñen a Vía Verde, a maior de Galicia, atravesando os concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.

Comentarios


bottom of page