Este venres, 12 de abril, o Teatro Colón da Coruña dou acollida á segunda edición dos Premios do Deporte da Deputación da Coruña, nos que a institución provincial distingue publicamente ás persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva.
A Gala do Deporte comezou coa proxección dun vídeo emotivo vídeo de recordo e homenaxe a Arsenio Iglesias, Luís Suárez e Amancio Amaro. Tres figuras históricas do fútbol coruñés e do deportivismo (os tres vestiron a camiseta branquiazul), que faleceron pasado ano.
"O seu legado e exemplo perdrura na historia deportiva desta cidade e desta provincia e inspira ás novas xeracións de deportistas", afirmou o presidente da Deputación, que entregou un recoñecemento aos seus familiares, que recibiron unha gran ovación do auditorio.
Premiados da gala
O primeiro dos premios foi o de mellor entidade colaboradora, no que foi recoñecido Grupo Jrilo, unha empresa ferrolá con máis de 50 anos de historia moi implicada no tecido deportivo local e comprometida coa promoción do deporte na provincia.
O recoñecemento ao mellor evento deportivo da provincia recaeu este ano en O Gran Camiño, que se disputa en Galicia desde o ano 2022 e clasificada pola UCI na categoría 2.1 UCI Europe Tour, o que lle aporta un gran valor de internacionalización e mediatización.
O premio para a mellor entidade na promoción do deporte base foi para o Club de Remo Cabo de Cruz, conha traxectoria de máis de catro décadas apostando polo deporte e que representa a Galicia no escenario de máis alto nivel como é a Euskolabel Liga.
A Fundación Abrente, creadora do proxecto ENKI, foi a entidade gañadora do premio á mellor entidade na promoción do deporte inclusivo e a eliminación de barreiras para as persoas con diversidade funcional.
O mellor deportista veterano masculino este ano foi Iván Morales Castillo, coruñés de adopción e un dos mellores marchadores veteranos a nivel mundial, acadando dous ouros e unha prata no Campionato do Mundo baixo teito. A mellor deportista veterana foi Esther Pedrosa Carrete, campioa galega de 3.0000, 5.000 e 10.000 metros e cun palmarés no que figuran ata 19 títulos.
As catro mencións especiais deste ano recaeron no Centro Penitenciario de Teixeiro, que conta cun gran abano de actividades e programas deportivos, constituíndo ao redor do deporte un área para a reeducación e inserción das persoas; en Caetano Horta Pombo, remeiro noiés que con 21 anos xa ten pasaporte aos seus segundos Xogos Olímpicos despois de acadar un diploma nos xogos de Tokio; o Racing de Ferrol, club que ascendeu a Segunda División no ano 2023 despois de 15 anos e Vero Boquete Giadáns, toda unha referente do fútbol feminino mundial, 36 veces internacional e cunha gran traxectoria en varios dos equipos máis importantes de todo o mundo.
O recoñecemento ao mellor árbitro foi para Javier Iglesias Villanueva, que a temporada anterior completou a súa primeira temporada como árbitro principal de Primeira División, despois de 15 anos en Segunda e Segunda B.
O mellor adestrador este ano foi Lino López Amado, completando un brillante ano 2023 no que o equipo Universitario Ferrol rematou a competición como líder de segunda e obtivo o ascenso directo á Liga Femenina Endesa.
O galardón para o mellor deportista base masculino foi para Iago Fuertes Leonardo, campión do mundo de pádel con 14 anos recentemente cumpridos e natural de Narón. Pola súa banda, a mellor deportista base feminina foi Digna Silo Mangue, deportista de 16 anos que xa ostenta 16 récords de España sub 15 e 30 plusmarcas galegas na disciplina de halterofilia.
O premio para o mellor deportista con diversidade funcional masculino recalou en Damián Ramos Sánchez, campión de Europa de ciclismo de fondo en ruta e bronce continental en contrarreloxo, ademais de acadar a cuarta praza no Campeonato do Mundo. No apartado feminino, a mellor deportista con diversidade funcional é Lorena Bermúdez Doce, deportista ferrolá con esclerose múltiple que durante o 2023 compite co equipo mixto de Basketmi Ferrol de división de honra e na primeira división de baloncesto en cadeira de rodas.
Por último, o mellor deportista masculino foi para Víctor Senra Carreira, gañador de 7 campionatos galegos de rallies de xeito consecutivo. Na categoría feminina, a vencedora foi María Belén Toimil Fernández, a gran dominadora do lanzamento de peso en España, que no 2023 gañou todas as probas nacionais e ostenta a plusmarca nacional ao aire libre con 18,80 metros. Ademais, estará nos Xogos Olímpicos de París 2024.
Nesta edición, o xurado dos premios estivo presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no campo da información deportiva como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia; María Varela, xornalista de Deportes de La Opinión de A Coruña; Fran Hermida, responsable de Deportes de Radio Coruña-SER; Leticia Chas, periodista de Cope Galicia e Patricia Rodríguez Juste, da TVG.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, deulle os parabéns aos premiados e premiadas da noite e destacou a súa "dedicación, compromiso e paixón" para levar o deporte coruñés ao máis alto. "É unha honra poder acompañarvos nese camiño", afirmou.
Formoso agradeceu "o traballo anónimo e altruísta de miles de persoas: adestradores, directivos, voluntarios... que cada día traballan desde os clubs e entidades deportivas para que os nosos e as nosas deportistas podan adestrar, competir, alcanzar as súas metas e cumprir os seus soños", afirmou, e destacou que a Deputación apoia cada ano a máis de 700 entidades de todas as disciplinas para promover o deporte na provincia.
Destacou tamén a aposta o seu goberno polo deporte feminino "no que aínda temos moito traballo por facer, porque temos que seguir eliminando obstáculos nas canchas, pero tamén nos despachos" e reivindicou o apoio fundamental que supoñen as 50 bolsas que a institución provincial concede cada ano a outros tantos deportistas para participar en competicións do máis alto nivel.
Formoso afirmou que "a Deputación está detrás de todos os grandes eventos deportivos que se celebran na provincia, pero o traballo do que estamos máis orgullosos é o que facemos cada día co deporte de base, apoiando a centos de clubs e escolas deportivas onde se forman miles de nenos e nenas, a canteira da que están a saír cada ano os novos talentos o deporte coruñés".
Pola súa banda, o deputado de Deportes, Antonio Leira, reivindicou aos galardoados como "os mellores embaixadores desta provincia" e destacou a importancia de "promover entre os máis novos os valores asociados ao deporte como o esforzo, o compañeirismo, o traballo en equipo ou a superación persoal". "Valores que inspiran o noso compromiso co deporte e nos animan a traballar máis e mellor", afirmou o deputado.
コメント