top of page

A Deputación destina medio millón á comarca no programa de servizos sociais comunitarios 2022



O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión do programa de servizos sociais comunitarios 2022 para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Este programa ten como destino financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no domicilio.


No caso da comarca de Ordes, este programa inclúe cinco dos seus sete concellos: Mesía, Cerceda, Oroso, Tordoia e Trazo. Así, o programa permite a contratación dun total de 10 profesionais do ámbito social, a razón de dous en cada un destes municipios. En toda a provincia haberá un total de 177 contratacións. Este persoal atende a diario a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.


Case 25.000 horas de SAF

O orzamento dedicado a este programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou por mor da pandemia da covid-19. En 2022, a Deputación financiará 24.992 horas de SAF nos concellos da comarca de Ordes. Serán 4.392 en Mesía, 9.000 en Cerceda, 6.500 en Oroso, 1.600 en Tordoia e 3.500 en Trazo.


O investimento total na comarca de Ordes rondará o medio millón de euros este ano. Por concellos, distribuirase da seguinte maneira: 92.180,20 € destinaranse a Mesía, e outros 148.000 a Cerceda. A Oroso correspóndenlle 118.000 € e a Tordoia e Trazo, 59.200 € e 82.000 € respectivamente.


Reforzo dos servizos sociais

"Seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar os programas de protección social dos municipios da provincia", afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso. O presidente salientou o gran esforzo dos pequenos concellos para reforzar a plantilla de especialistas no eido social. "Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos podan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", incidiu.


González Formoso destacou ademais que a Deputación financia hoxe 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar que hai dous anos en toda a provincia. "Trátase dun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes, que ademais dá emprego a máis dun centenar de personas na provincia ", sostivo.


O presidente provincial lembrou tamén o incremento de traballo que supuxo a crise da covid-19, coa que "moitos municipios tiveron que asumir maior carga" e agradeceu o traballo que desempeñan "os profesionais deste eido, que buscan solucións diarias e sen os que as persoas máis vulnerables non poderían desenvolver o seu día a día".

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou a necesidade de "estar coa xente que máis o necesita, ofrecéndolle as mellores prestacións posibles para mellorar a súa calidade de vida, independentemente do lugar onde residan".

Comments


bottom of page