O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o presidente da Deputación provincial, Valentín González Formoso, reuníronse hoxe co obxectivo de abordar varios investimentos no municipio. Foi a primeira reunión deste tipo logo das eleccións municipais. Os temas máis destacados veñen herdados do anterior mandato, como son a humanización da avenida da Garabanxa e a construción dun novo centro deportivo en Sigüeiro.
Ambos os dous proxectos van executarse a través de convenios entre a Deputación e o Concello. O ente provincial xa reservou o orzamento necesario. O investimento total será de 900.000 euros.
A humanización da avenida da Garbanxa, que consumirá máis da metade do investimento, mellorará unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro. Instalaranse novas beirarrúas, zonas peonís e badéns. As obras suporán unha renovación total da avenida, coa instalación de novas luminarias, zonas verdes e mobiliario urbano, así como a pavimentación da estrada e a mellora dos accesos aos garaxes.
Na reunión, Formoso confirmou tamén o investimento de 400.000 euros que a Deputación efectuará para cofinanciar o novo centro deportivo. Corresponde agora á Xunta de Galicia achegar o resto do financiamento necesario.
Bình luận