top of page

A Deputación financia obras e gasto social por toda a comarca de Ordes

Actualizado: 15 sept 2022



O Plan Único (POS+2022) da Deputación da Coruña incluirá este ano importantes investimentos nos concellos da comarca de Ordes, tanto destinados ao financiamento de obras como de gastos sociais para a protección dos colectivos máis vulnerables. O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para “contribuír á reactivación económica, cun investimento moi importante que este ano alcanza os 90 millóns na provincia, mellorar infraestruturas e servizos municipais e dar apoio aos concellos nos seus programas sociais”.


Deste modo, no caso de Frades, contémplanse investimentos por un valor de 646.167,78

€. Destes, uns 161.000 van para gasto corrente, algo máis de 78.000 para investimentos e 12.000 para redución da débeda. A gasto social adicional 1/2022 destínanse máis de 56.000€, con outros 338.000 que van para o POS+ Adicional 2/2022.


A Deputación destina para Ordes case un millón e medio de euros. Estes repártense por seccións en 334.000 para gasto corrente, 316.000 para investimentos, 25.000 para redución da débeda, 117.000 para gasto social adicional e case 703.000 dentro do POS+ Adicional 2/2022.


En Oroso, a partida total é de 1.040.701,24€. Case 172.000 dos mesmos cobren gasto corrente, con outros 346.000 para investimentos e 15.525 destinados á redución de débeda. O gasto social chega a case 72.500 euros e o incluído no POS+ Adicional 2/2022 achégase aos 435.000 euros.


En Mesía, a Deputación investirá 774.835,68 euros. Uns 185.000 destes destínanse a pagar gasto corrente, mentres que uns 135.000 cobren investimentos. Hai case 65.000 euros para gasto social e outros 389.000 do POS+ Adicional 2/2022.


No caso de Tordoia, recibirá máis de 887.000€. Destinaranse 202.000 a gasto corrente, 190.000 a investimentos, outros 70.000 a gasto social e preto de 424.000 dentro do POS+ Adicional 2/2022.


En Cerceda, integrada a efectos do Plan Único na Costa da Morte (mentres que o resto da comarca se integra na área de Santiago), a Deputación destina aproximadamente un millón de euros, repartidos case á metade entre investimentos (uns 483.000€) e POS+ Adicional 2/2022 (438.000 euros). Destínanse uns 73.000 euros a gasto social. Outros 15.000 € van para pagar débeda.


Por último Trazo, que recibirá uns 800.000 euros, destinará 98.000 a gasto corrente e 261.000 a investimentos. Outros 63.500 cubrirán gasto social e 381.000 estarán dentro do POS+ Adicional 2/2022.


Gastos sociais e obras

O Plan Único achega financiamento aos concellos da comarca para gastos sociais. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.

Dentro do plan, todos os concellos da comarca executarán obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.

Entre os investimentos destacan o saneamento de Gouzón, Castiñeira e Altiboia (258.148 €) en Ordes. Entre os concellos que apostan por mellorar camiños e estradas municipais figuran Trazo (261.251 €), Tordoia (190.082 €) ou Oroso (346.306 €). En Cerceda mellorarase o saneamento na Silva.

Os concellos tamén destinan parte dos fondos do Plan Único a financiar gasto corrente, que inclúe servizos básicos como o alumeado municipal ou a recollida de lixo. Frades, Cerceda, Ordes e Oroso destinan este ano parte dos fondos a redución de débeda.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.




Comments


bottom of page