A Deputación financia un vehículo para limpeza de cunetas e pistas forestais no Concello de Frades
- Crónicas da comarca
- 5 sept 2022
- 1 Min. de lectura

A Deputación da Coruña financiará con 74.880 euros a compra dun tractor equipado con medios auxiliares para o Concello de Frades, que necesita deste novo vehículo para non sobrecargar a flota da que dispón actualmente.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, asinaron o pasado venres o convenio polo que a administración provincial destinará 74.880 euros, o que supón o 80% do custo total do proxecto, que ascende a 93.600 euros. No acto estiveron tamén os deputados de Economía, Antonio Leira, e Patrimonio, Xosé Luís Penas.
Entre os traballos máis importantes que levará a cabo o tractor, que virá equipado cunha pá, será a limpeza de cunetas de todas as pistas forestais, de xeito que permitirá o acceso aos montes para a súa rozadura e limpeza, mellorando tamén a prevención de incendios.
No prego de condicións especifícanse as características técnicas que terá que ter o tractor, como por exemplo: motor diesel de entre 110 e 130 CV, cabina abatible e pa, cambio sincronizado de, polo menos, 24 velocidades de avance e 24 de retroceso, velocidade máxima de polo menos 40 km/h., inversor e elevador electrónico.
Comments