A Deputación leva a pleno as obras da avenida da Grabanxa este venres
- Crónicas da comarca
- 22 may 2023
- 1 Min. de lectura

O pleno da Deputación da Coruña debate este venres, 26 de maio, a aprobación da humanización da avenida da Grabanxa, en Oroso. O investimento nestas obras superará o medio millón de euros. Remodelaranse as beirarrúas entra a praza da Foca e o Camiño do Refuxio, mellorando unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro coa reposición dos servizos básicos de abastecemento e saneamento e a definición dunha nova aliñación do bordiño para executar posteriormente novas beirarrúas, vados peonís e badéns.
O proxecto contempla tamén renovar o pavimento asfáltico e mellorar os accesos aos garaxes. Tamén se instalarán novas luminarias, plantaranse árbores, instalaranse xardineiras e recolocaranse elementos de mobiliario urbano.
Dende a Deputación explican que estas obras servirán para mellorar a seguridade viaria e ampliar o espazo público, ademais de incrementar a accesibilidade e reducir a velocidade dos vehículos que pasan pola zona. Co fin de mellorar as beirarrúas colocaranse baldosas hidráulicas. Tamén se renovará o pavimento asfáltico e instalaranse novas ramplas de acceso aos garaxes. Complementarán as actuación a colocación de bolardos, maceteiros, e contedores de residuos sólidos urbanos.
As obras terán unha duración de seis meses dende que se asine o contrato.
Kommentare