top of page

A Deputación licita por case 2 millóns a Vía Verde Santiago - Cerceda


Vinte días despois de que os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda encomendaran á Deputación da Coruña a xestión das obras para a construción da Vía Verde Santiago-Cerceda, o organismo provincial vén de sacar a licitación pública as obras dos tres tramos correspondentes a estes municipios (todos agás Santiago), que suporán un investimento de 1.930.374 euros.


As obras, que comezarán en 2021, pretenden converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici “que terá uha importante repercusión turística e socioeconómica para estes concellos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que a idea da Vía Verde “comezou a xestarse hai máis dunha década e esperamos facela por fin realidade neste mandato”.


Formoso definiu o proxecto como “un exemplo de colaboración entre administracións”, xa que requeriu da colaboración e autorización de numerosos organismos, a participación activa dos concellos implicados e o apoio económico europeo, xa que un 80% do financiamento provén de fondos europeos FEDER para proxectos locais que fomenten a economía baixa en carbono.


A Vía Verde enmárcase na aposta do goberno da Deputación para promover un novo modelo de mobilidade sostible e eficiente na provincia da Coruña e “contribuirá á vertebración de distintos núcleos rurais, recuperando a vella rede ferroviaria abandonada para darlle unha nova dimensión, máis ecolóxica e sostible” explicou González Formoso, que sostivo que “será unha alternativa segura para ciclistas e sendeiristas e un potente dinamizador do turismo”.


Os tres tramos que saen a licitación son o de Oroso (720.856,72 euros), Ordes (506.423,48 €) e Tordoia-Cerceda (677.094,17 €) que suman un investimento total superior aos 1,9 millóns de euros para a creación da platafoma da Vía Verde, que contará cunha banda de circulación para peóns de 1,5 metros de ancho e outra de 2 metros para uso ciclista.


O proxecto inclúe tamén a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores coma eco-contadores e cargadores de bicicletas eléctricas.



Komentarze


bottom of page