top of page

A Deputación organiza un simposio sobre desigualade no eido deportivo


O simposio enmárcase nos actos organizados pola institución provincial  arredor do Día Internacional da Muller. De feito, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apelou o pasado 8 de marzo a facer “un traballo diario para facer visible o traballo das mulleres en todos os eidos, de cara a lograr unha igualdade plena”. O deporte é un deses espazos onde aínda queda un importante camiño por percorrer no eido da igualdade.

Desenvolverase o vindeiro xoves, 14 de marzo, ás 19.30 h., na sede da Fundación Luís Seoane, a xornada 'Brecha de xénero no Deporte' coa colaboración da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña. A actividade é gratuíta e aberta ao público ata completar aforo. Non é necesaria inscrición previa.

A xornada contará coa participación de mulleres destacadas no mundo do deporte coruñés como a xornalista deportiva e investigadora da UDC, Claudia López, que impartirá a conferencia inaugural sobre “A linguaxe sexista na comunicación deportiva”; seguida dunha mesa redonda coa participación da adestradora do Dépor Abanca, Irene Ferreras; a campioa de España de xavelina, Carmen Sánchez; a cofundadora e directiva do Hockey Club Coruña feminino, Mar Barcón; a xogadora do Dépor Abanca Lía Muíño; da exxogadora internacional de rugby e directora técnica e vicepresidenta do CRAT A Coruña, Elena Roca e da directora do xornal deportivo As Nosas Deportes - O xornal da muller no deporte en Galicia, Silvia Carregal, que moderará o encontro.

Comments


bottom of page