O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe co secretario seral para o Reto Demográfico do Goberno de España, Francesc Boyá, para analizar o que definiron como "un asunto clave e estratéxico para o futuro de Galicia", en referencia ás medidas para facer fronte ao despoboamento no ámbito rural.
González Formoso interesouse polos plans que ten o Goberno neste sentido e polos fondos Next Generation que van a chegar de Europa para afrontar estas cuestións. Formoso explicoulle ao secretario xeral que a Deputación porá en marcha en 2022 unha oficina de apoio para a tramitación e xestión dos fondos que chegan a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia estatal e que permitirán aos concellos pequenos, con menos recursos e unha capacidade técnica e económica máis baixa, poder optar ás diferentes convocatorias duns fondos que cualificou como "unha oportunidade histórica para poder desenvolver o futuro do rural". Sinalou tamén a importancia da "coordinación entre o Goberno de España e as deputacións e concellos para que estes fondos poidan ser xestionados con rapidez e cumpran a súa función".
O presidente provincial quixo subliñar o compromiso do Goberno de España neste ámbito ao crear, por primeira vez, no ano 2018 un Ministerio e unha Secretaría Xeral que se ocupa dunha cuestión clave para Galicia como é a do reto demográfico e trasladou a Boyá a situación na provincia da Coruña e as principais preocupacións dos pequenos municipios da provincia.
Plan Único e PEL
Tamén salientou que "o reto demográfico é unha das prioridades do goberno provincial", que está aplicando medidas estratéxicas para facer fronte a este problema como a posta en marcha do Plan Único que supuxo, nos 63 municipios coruñeses afectados polo despoboamento no rural, un investimento de 253 millóns de euros entre 2016 e 2021.
Así mesmo, a través do Plan de Emprego Local (PEL), a Deputación puxo en marcha unha rede de espazos de traballo colaborativo que conta con 10 centros de coworking xa en marcha en toda a provincia e que pretende facilitar o emprendemento no ámbito local e que se poida xerar emprego e actividade económica desde o rural galego, permitindo que os mozos e mozas non teñan que marcharse ás cidades para ter unha oportunidade laboral ou crear a súa empresa.
Pola súa parte, Francesc Boyá, destacou o " firme compromiso" do Goberno de España na loita contra o baleiramento do rural e detallou que o investimento neste eido alcanzará los 3.000 millóns de euros este ano, mentres que en 2022 o investimento previsto é de 4.200 millón de euros.
Boyá detallou os plans do seu departamento para fomentar a conectividade no rural, para impulsar plans de sustentabilidade turística, así como as axudas específicas para os concellos de menos de 5.000 habitantes para a mellora de infraestruturas, sustentabilidade e aforro enerxético.
Comments