top of page

A Deputación porá puntos de atención presencial para axudar cos trámites electrónicos



A Deputación da Coruña presentou hoxe a súa Estratexia Dixital, unha folla de ruta para liderar a implantación electrónica e a transformación e inclusión dixitais en Galicia. Nela, dende a Deputación recoñecen que é necesario ter en conta aspectos como a accesibilidade dixital universal, a ciberseguridade, a mellora das infraestruturas dixitais e o proxecto "Concello Dixital", que xa chega a 80 municipios da provincia.


"O último informe do Consello de Contas sitúa a esta Deputación á vangarda na implantación da administración electrónica en Galicia. Esa posición de liderado non é casualidade, é froito de anos de traballo e dunha aposta clara e constante deste goberno para que a administración dixital sexa unha realidade e chegue a todos os concellos e a toda a cidadanía da provincia", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que hoxe compareceu en rolda de prensa xunto ao deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, e os responsables técnicos do servizo para presentar a Estratexia Dixital.


Formoso explicou que a Deputación leva investido máis de 16 millóns de euros nos últimos cinco anos no impulso á administración próxima á cidadanía e na axilización da tramitación. Estiman que a implementación da administración electrónica supuxo un aforro de 50 millóns de euros.


O presidente provincial destacou que unha das liñas de acción da Estratexia Dixital da Deputación é "combater a fenda dixital para garantir que todo o mundo, incluíndo ás persoas máis maiores ou as que carezan de coñecementos, recursos ou aparellos dixitais, podan acceder en igualdade de condicións aos beneficios da administración electrónica". "Hoxe hai o triple de trámites online que físicos na Deputación", afirmou Formoso, que advertiu que, aínda así, hai xente que por distintos motivos non pode acceder á e-administración.


"Para fomentar a inclusión dixital abriremos puntos de atención presencial sen cita previa onde todas as persoas que o precisen podan acceder a calquera servizo dixital da administración pública co apoio de persoal cualificado", afirmou o presidente, que detallou que as primeira oficinas piloto comezarán a funcionar este ano na cidade da Coruña e en Betanzos, onde terá un carácter comarcal.


"Non só serán para os trámites relacionados coa Deputación da Coruña, senón con calquera outra administración", explicou Formoso, que avanzou que a idea do Goberno provincial é "replicar despois a iniciativa noutros concellos que así o demanden coa súa colaboración".



Comments


bottom of page