A Deputación da Coruña defende a urxencia de sumar forzas entre todas as administracións para sumar os 140 millóns de euros que considera necesarios para rescatar o sector da hostalaría e o turismo. A cifra supón un 1% do orzamento da Xunta, deputacións e concellos nunha proposta de fondo común de rescate ao sector que quedou sobre a mesa na xuntanza convocada onte polo Cluster de Turismo de Galicia, na que participaron o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación, Xosé Regueira e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández .
Tras a reunión convocada este luns en Santiago de Compostela polo Cluster, as administracións volverán a xuntarse mañá mércores ás 17.30 horas para tomar unha decisión ao respecto dun plan conxunto de rescate do sector hostaleiro para o que a Deputación da Coruña defende unha cantidade de 140 millóns de euros, que se obtería de sumar o 1% do orzamento de todas as administracións implicadas, fronte aos 50 millóns da proposta da Xunta.
"Os 50 millóns que a Xunta pon sobre a mesa neste momento parécennos insuficientes para un sector que vive momentos dramáticos e que precisa o compromiso de todas as administracións. De todas maneiras, iremos á reunión do mércores con vontade construtiva xa que, para nós, o realmente importante é chegar un acordo que beneficie ao sector", sinalou Xosé Regueira .
O deputado Bernardo Fernández considerou que a negativa da Xunta de Galicia á proposta do 1% hostaleiro, que respaldan as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e os principais concellos galegos, "supón perder a oportunidade de contar cun verdadeiro plan conxunto e ambicioso de rescate para o sector", dotado con 140 millóns de euros.
"Imos á reunión de mañá coa vontade de chegar a un acordo, pero pedimos á Xunta un maior esforzo para evitar que o sector da hostalaría saia perdendo", afirmou Bernardo Fernández, que apuntou que coa proposta da Deputación da Coruña as axudas serían de maior cuantía e chegarían a un maior número de beneficiarios.
Segundo a proposta que a Deputación da Coruña levou á reunión convocada polo Cluster, o fondo común de rescate alcanzaría os 140 millóns ao sumar o 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos. "A reunión quedou posposta ao non chegar a un acordo sobre aos porcentaxes e defender a Xunta de maneira inamovible o chamado modelo valenciano que, ao noso ver, non se axusta ás necesidades deste momento. Nós defendemos que a proporcionalidade dos fondos é a regla adecuada que se debe aplicar en todas as administracións", apuntou Regueira na valoración da xuntanza na que avogou porque o goberno galego se sumase a proposta que significaría sumar 66 millóns aos 50 da oferta presentada polo vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira de Emprego, Mª Jesús Lorenzana.
Convidou así á Xunta, e, en particular ao vicepresidente Alfonso Rueda a "facer un esforzo maior e achegar o 1% dos orzamentos porque sería o xusto para apoiar un sector crucial para a nosa economía e para a empregabilidade no sector turístico que está a pasar horas dramáticas". A Deputación defende manter o esforzo para o 2022 se fose necesario "nun plan fundamental que signifique garantir o futuro para o sector".
O ente provincial lamenta tamén que tivese que ser o Cluster quen convocase ás administracións e a Xunta non respondese á chamada de coordinación institucional que a Deputación lanzou xa no mes de abril para responder á crise provocada pola pandemia e que agora intentase pechar o acordo de forma unilateral, sen valorar unha proposta máis beneficiosa para o sector.
A Deputación manifestou continuamente a súa predisposición colaboradora sen ánimo de protagonismo e, en cambio, entende que a Xunta non está a responder con alturas de miras cunha aportación escasa e non proporcional aos seus orzamentos. Busca tamén unha fórmula áxil de reparto das axudas e a redución da burocaria para o sector hostaleiro cun modelo de colaboración "rexido pola lealdade institucional"
Comments