
A Deputación da Coruña porá o foco no ámbito social co novo Plan de Acción de Servizos Sociais, co que impulsará unha Rede de Concellos para o Benestar.O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, presentaron hoxe ante alcaldes, concelleiros de Servizos Sociais e representantes de entidades sociais da provincia da Coruña o que será a folla de ruta das políticas da institución provincial neste eido para os vindeiros anos.
O Plan de Acción de Servizos Sociais é froito dun proceso participativo para coñecer en detalle a realidade dos Servizos Sociais dos municipios da provincia e configurar actuacións para garantir unhas prestacións de calidade.
Este proxecto permitirá configurar a Rede de Concellos para o Benestar. Un mecanismo a través do que a área de Benestar da Deputación lle prestará apoio, atendendo ás súas competencias, aos departamentos municipais deste sector, con especial atención aos Concellos con menos de 20.000 habitantes. Esta colaboración trasladarase en financiamento de prestacións e na asistencia técnica e operativa a disposición dos equipos técnicos municipais. Destaca tamén a creación de equipos comarcais que se coordinarán cos locais á hora de ampliar o alcance e profundidade das accións a desenvolver no seo das políticas de benestar.
Este novo Plan súmase ao impulso que a Deputación realizou no ámbito social para enfrontar as consecuencias da pandemia. O orzamento dedicado a este eido pasou dos 12 millóns de euros do exercicio anterior aos 27,5 actuais, “situando as políticas sociais e de reactivación económica e apoio aos sectores máis afectados pola pandemia como maiores preocupacións. No corazón da acción política da Deputación”, sinalou o presidente da entidade, Valentín González Formoso.
O presidente da Deputación aproveitou o acto para requerir da Xunta de Galicia maior implicación económica en servizos sociais estratéxicos como a Axuda no Fogar.
Comments