A Deputación da Coruña anunciou hoxe a adxudicación, por 156.748,16 euros, das obras de reparación das estradas municipais de Trazo afectadas polos desvíos de tráfico durante as obras DP-7804 para construír a ponte sobre o rego Gatofero. Estas obras afectan a dous tramos: o que vai de Ponte Albar a Chaián, con dous quilómetros e medio de lonxitude, e a vía do cruzamento de Chaián á ponte sobre o río Tambre, ao longo dun quilómetro e trescentos metros.
No primeiro tramo vanse reparar fochancas e afundimentos resultado do grande volume de tráfico. Tamén se realizará un dobre tratamento superficial en toda a plataforma, e repararase a canalización danada e un tramo de beiravía. Para completar a actuación, instalarase sinalización horizontal e vertical.
No segundo tramo tamén se desenvolverán tarefas de reparación, co fresado e reposición das zonas deterioradas, estendendo finalmente un microaglomerado en frío en todo o seu ancho. Tamén se arranxarán os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e o tramo de canalización afectado. Por último, refaranse un pozo e un sumidoiro e instalarase nova sinalización.
Comments