O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participou onte, domingo 7 de novembro, na xornada de apertura da cuarta edición do foro Fairway, onde destacou o potencial das dúas rutas xacobeas que pasan pola provincia da Coruña, o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía.
O evento, que se celebra ata o martes 9 de novembro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, serve como punto de encontro e de reflexión para os profesionais do sector turístico vencellados ao Camiño de Santiago e conta con feira, workshop, congreso e academy.
Antonio Leira destacou na súa intervención que "os camiños serven para unir e o Camiño Inglés une, desde hai séculos, a nosa provincia co norte de Europa e coas illas británicas, constituíndo unha canle permanente de intercambios culturais, lingüisticos e etnolóxicos que deixaron a súa impronta nos 18 concellos que están hoxe aquí representados".
"Na Deputación da Coruña cremos no gran potencial no Camiño Inglés, unha ruta xacobea cada vez máis transitada e coñecida e que esperamos que siga crecendo co incremento dos peregrinos chegados de ultramar", afirmou o deputado, que explicou que "ofrece un itinerario cheo de segredos, de patrimonio, de cultura, de natureza, que será un gran descubrimento para o viaxante: a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Neda, os pementos do Couto, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos".
A Deputación da Coruña contará, durante os tres días de duración do evento, cun posto dentro da feira no que se promocionarán os diferentes recursos turísticos da provincia vencellados ao Camiño de Santiago. Podes consultar a programación completa desta feira en https://2021.fairwaysantiago.com/
Comments