top of page

A folga do transporte detén a recollida de leite nas explotacións



A industria láctea española pecha dende hoxe a súa actividade de transformación como consecuencia da folga de transportes que dura xa catro días. As fábricas, explican dende a FENIL (Federación Nacional de Industrias Láctras), viron interrumpido o subministro dos insumos necesarios para a elaboración de produtos lácteos e o traslado do produto final aos puntos de venda. Esta situación anula a capacidade de envasado e almacenamento dun produto altamente perecedoiro como é o leite.


A paralización suporá a suspensión da recollida de leite nas explotacións gandeiras dende hoxe. A FENIL tamén lembra que se pon en risco "o abastecemento de produtos nutricionalmente básicos na alimentación das persoas como son o leite e os lácteos".


"Situación límite" para os sindicatos agrogandeiros

Pola súa banda, sindicatos agrícolas coma Unións Agrarias-UPA, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega FRUGA, Asociación Agraria de Galicia ASAGA e Unión de Cooperativas AGACA instan ás administracións a "dar un paso á fronte e a actuar de inmediato para evitar que o bloqueo derivado do paro do transporte teña consecuencias nefastas para as explotacións galegas". "Se ben ata o de agora os transportistas respectaron a recollida de leite nas granxas, o bloqueo do porto da Coruña e o corte do subministro de cereal ás fábricas de pensos ten ao sector produtor contra as cordas", lamentan. Así se expresaron na rolda de prensa conxunta que deron onte todas as organizacións agrogandeiras da Comunidade; que destacan que se ese abastecemento non se retoma en menos de 48 horas a cabana gandeira non poderá ser alimentada.


As organización vinculadas ao sector produtor agrogandeiro en Galicia fan un chamamento á comprensión e ao diálogo e instan ao sector do transporte a "non converter á gandería en refén das súas reivindicacións". Partindo da solidariedade coa situación e as demandas dos transportistas e do respecto ao seu dereito ao paro, as OPAs lembran que o que está en xogo é o benestar animal e, en definitiva, as vidas de milleiros de cabezas de gando; e destacan que, cada hora que pasa, a situación das explotacións galegas agrávase. Por iso instan ao Goberno central e á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e a impulsar un consenso que garanta a alimentación do gando, o abastecemento das fábricas produtoras de pensos e o normal funcionamento do sector produtor.

"Os servizos mínimos que inicialmente comprometeran os transportistas non se están a cumprir; e xa dende onte se rexistran paros de actividade nas fábricas dedicadas á produción de alimento para o gando que, de non garantirse a entrada de materia prima nas plantas produtoras, se xeralizarán nas próximas horas", alertan.

As consecuencias da situación actual son especialmente acuciantes e graves para a produción de carne integrada dos sectores avícola, cunícola e porcino, totalmente dependentes do subministro externo de penso. "Granxas que dispoñen dunha marxe moi pequena e que, se a situación non muda nun máximo de 48 horas, comezarán a vivir escenas dramáticas a causa dese desabastecemento", sinalan os sindicatos.

UUAA e as demais organizacións afirman que a situación é límite. “Ninguén mellor que o sector gandeiro para entender as consecuencias do encarecemento brutal da enerxía. Somos totalmente solidarios, pero o dereito á folga dos transportistas non pode ser a custa da alimentación da cidadanía nin do gando. Por iso a organización convocante ten que garantir uns servizos mínimos, e as administracións deben facer o necesario para que se cumpran”, recalcan.


Kommentare


bottom of page