A Garda Civil de Ordes atopou na noite de hoxe unha pequena festa ilegal nunha cervexería de Tordoia. Axentes do corpo patrullaban sobre a medianoite pola zona cando detectaron unha decena de vehículos estacionados diante dun establecemento de hostalaría, onde viron un grupo de mozos consumindo bebidas alcohólicas na terraza cuberta. Os rapaces escaparon todos eles nun primeiro momento monte a través. Tres deles serían localizados despois e propostos para sanción administrativa.
Posteriormente, os axentes comprobaron que do interior do local (pechado ao público) viña música ambiente e había clientes no interior. Minutos máis tarde aproveitando que un dos clientes abandonaba o establecemento por unha porta lateral, os axentes accederon ao interior do local, onde identificaron a outros catro mozos, igualmente propostos para sanción administrativa. Un dos clientes levaba 3,5 gramos de marihuana e 0,9 de cocaína.
A encargada do establecemento foi denunciada por infracción grave á Lei de Emprendedores de Galicia, por estar a exercer unha actividade tendo todas as saídas do establecemento pechadas para evitar unha inspección de policía administrativa. Nin a xerente nin os clientes levaban máscara facial.
Comments