Despois do incendio desta mañá en Sigüeiro, que causou a morte dunha muller de 60 anos, a Garda Civil investiga se o fillo da finada prendeu lume ao domicilio antes de seren desafiuzados. O desaloxo da vivenda ía producirse ás 12h desta mañá. O fillo atópase en estado grave no hospital, custodiado pola Garda Civil por un posible delito de homicidio.
O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio pasadas as once desta mañá, cando un particular informaba dun lume dentro dun piso. Nesa mesma chamada, afirmaba tamén que podía haber dúas persoas no interior.
Nese intre, o 112 Galicia puxo os feitos en comunicación dos Servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, da Policía Local de Oroso e dos Bombeiros de Ordes. Tamén foron informados os efectivos de Protección Civil do municipio.
Nun primeiro momento, a Policía Local relataba que a vivenda estaba chea de fume e que unha persoa estaba sendo atendida polos servizos sanitarios. Logo, confirmouse o falecemento dunha muller e o traslado en ambulancia doutra persoa.
Os profesionais sanitarios tamén derivaron ao punto, o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que finalmente, non foi precisa a súa intervención, posto que a persoa falecera.
Debido á extensión da propagación das chamas, sumouse ao operativo a intervención dos Bombeiros de Arzúa. De feito, a causa das altas temperaturas alcanzadas, dous operarios tiveron que ser trasladados ao centro de saúde da localidade. Así e todo, segundo se lle informou ao 112 Galicia, afortunadamente, os dous atópanse ben.
Comments