top of page

A licitación as obras da senda peonil na estrada AC-524 en Frades


O Concello de Frades recibiu hoxe a visita da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. A representante do Goberno galego anunciou a licitación das obras da nova senda na estrada AC-524 e tamén garantiu que a Xunta de Galicia financiará ao 80& o proxecto de reforma e mellora da estación potabilizadora.


Vázquez Mourelle achegouse á Casa do Concello de Frades, onde foi recibida polo alcalde, Roberto Rey Martínez; e os concelleiros de Obras, Manuel Ferreiro Marzoa, e Benestar Social, María Ángeles Álvarez Carro. A visita serviu para presentar a nova senda peonil que vai a habilitar a Xunta nas marxes desta estrada autonómica de comunicación entre Ordes e Lanzá. Este novo itinerario peonil mellorará a mobilidade e a seguridade na vía.


A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 19 de decembro para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.


Operativa no verán

Ethel Vázquez prometeu que as obras arrincarán coa primavera e estarán listas en catro meses. O proceso expropiatorio está avanzado, e formalizarase o 16 de decembro. A idea do executivo galego é que a senda permita á veciñanza facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de Pibideira, o Pazo e Sobre dos Campos, e continuar pola senda da travesía da Abellá. Esta actuación da Xunta de Galicia foi demandada polo propio Concello, salientou a conselleira, quen asegurou que o obxectivo do Goberno galego é "favorecer desprazamentos máis seguros, cómodos, sostibles e saudables e facilitar o tránsito diario dos veciños".


O novo itinerario terá 770 metros de longo e conectará o núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. Discorrerá pola marxe esquerda da estrada, continuando a que xa existe na travesía de Abellá. A anchura do camiño será de dous metros e medio, en cor terriza natural. Teranse especialmente en conta os accesos ás propiedades, que se executarán en formigón reforzado con mallazo.

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías; e nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión. Deste xeito, engadiu a conselleira, no treito no que se actuará, a estrada contará con dous carrís de 3,5 metros; beiravía de 1,4 metros; senda de 2,5 metros; e gabia transitable de 1,20 metros, unha sección da estrada que redundará en maior seguridade viaria. Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais e a preinstalación para o alumeado público.


Potabilizadora

O alcalde de Frades confirmoulle á conselleira que xa está listo o novo proxecto de reforma e mellora da estación potabilizadora de Frades, logo de acometer as correccións indicadas polos técnicos de Augas de Galicia. “É un proxecto que ascende a máis de 200.000 euros pero que é fundamental, non xa pola situación de seca dos últimos verán, senón porque a potabilizadora actual é moi antiga e as súas instalacións están moi deterioradas tanto polo paso do tempo como polo seu uso constante en condicións de máximo rendemento”.


A intención do Concello é instalar unha nova planta potabilizadora compacta moito máis moderna no exterior da actual instalación, así como renovar os grupos de bombeo de auga bruta e alta, acondicionar os tanques de auga bruta e auga tratada existentes para empregalos como novo depósito de auga tratada e adaptar os equipos existentes á nova instalación. O 80% do financiamento correrá a cargo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e o restante correspóndelle ao Concello.


O concelleiro de Obras, Manuel Ferreiro, agradeceu “o compromiso da conselleira cun municipio pequeno como Frades, primeiro colaborando a estender o saneamento eo abastecemento a todos os lugares; e agora anunciando a licitación desta senda peonil e achegando novas marquesiñas, que instalaremos nos próximos días”.

Comments


bottom of page