top of page

A Mancomunidade avanza na súa oferta formativa na comarca con actividades en Frades e Mesía

A Mancomunidade de Ordes continúa a consolidar o seu compromiso coa educación preventiva e a promoción da saúde na comarca, coa realización de novas actividades formativas nos concellos de Frades e Mesía.


En Frades, o centro sociocultural de Pontecarreira acolleu recentemente unha charla centrada nos riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, con especial atención ás técnicas de prevención de adiccións en menores. Ademais, o alumnado do CPI Ponte Carreira participou activamente nun obradoiro de prevención de adiccións e noutro de habilidades sociais, ambos impartidos por Mónica González López, técnica de Prevención de Adiccións da Mancomunidade.


Pola súa parte, no concello de Mesía, a Casa Cultural de Xanceda foi o escenario dunha charla dirixida a familias sobre o uso responsable das novas tecnoloxías, organizada en colaboración coa ANPA ‘ANPALUXA’.


"Este tipo de accións son fundamentais para dotar á poboación máis nova e ás súas familias das ferramentas necesarias para afrontar os riscos asociados ás adiccións e ao uso descontrolado da tecnoloxía" explicou Mónica González.


Desde a Mancomunidade destacan a importancia destas iniciativas: “Seguimos a traballar para achegar recursos formativos a todos os concellos da comarca. A prevención é a mellor ferramenta para garantir un desenvolvemento saudable da nosa mocidade”, sinalou.

Commenti


bottom of page