top of page

A Mancomunidade convida a coñecer o patrimonio de Frades na primeira parada d'Os lugares do paraíso


Imaxe: Concello de Frades

Frades será a primeira parada da iniciativa 'Os lugares do paraíso' da Mancomunidade de Ordes. Trátase dun ciclo de visitas guiadas polos municipios desta comarca para promover o seu patrimonio a través de rutas. Esta primeira visita será o vindeiro domingo, 27 de novembro. Sairá ás 9.30h da rúa Entreparques de Ordes, aínda que será necesario estar vinte minutos antes para as acreditacións.

Unha vez en Frades, a programación inclúe unha parada inicial no Pazo de Galegos, un edificio datado do s. XVII no que se hospedou, Mariana de Neoburgo, consorte do monarca Carlos II. A continuación, visitarase a Fraga do Petón, coñecida popularmente como o ‘Bosque Animado’ de Frades, onde destaca a igrexa de San Martiño, unha construción barroca do s. XVIII que integra na súa contorna sepulturas de gran singularidade.


Logo desta parada, o seguinte punto da ruta será a parroquia de Gafoi, coñecida polo seu patrimonio arquitectónico no que destaca o templo románico de Santa Mariña, un dos edificios máis antigos do municipio, e o Alto, onde se asentan os restos do Castro da Carballeira, un antigo asentamento castrexo.


A derradeira parada do itinerario será no muíño de Céltigos, situado no lugar de Campoduro, integrado nunha fermosa contorna natural na que se inclúe un camiño de pedra a beiras do río Maruzo.

A saída incluirá a degustación de produtos típicos do municipio, salientan dende a Mancomunidade.


As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición de balde ata o vindeiro venres, 25 de novembro, a través do enderezo info@viaxesalumar.com ou chamando ao 678 776 951. A organización recomenda levar roupa de abrigo e calzado axeitado para superficies con terra.


Desde a organización, celebran “poder dar comezo a unha actividade coa que poñer en valor o patrimonio que agocha a nosa comarca” e convidan a descubrir a través desta actividade “o encanto natural e arquitectónico de Frades”.

댓글


bottom of page