top of page

A Mancomunidade de Ordes divulgou en FITUR o patrimonio fluvial da comarca e as súas potencialidades turísticas

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes divulgou na prestixiosa Feira Internacional de Turismo, en Madrid, as múltiples posibilidades turísticas coas que conta grazas ao seu amplo e diverso patrimonio acuático.

A presidenta do ente supramunicipal, Susana García, exerceu de anfitrioa do acto de presentación da iniciativa bautizada como ‘Augas de Ordes’, no cal estivo acompañada por representantes institucionais dos municipios que integran a Mancomunidade. Durante a súa intervención puxo en valor os numerosos espazos fluviais dos que dispoñen ossete concellos, desde os seus ríos ata os encoros e mesmo o Aquapark de Cerceda.

Tamén fixo fincapé no valor patrimonial e o arraigo destes espazos, destacando que “os ríos que discorren polo noso territorio conéctannos coas nosas raíces, son sinónimos de vida e de desfrute, albergan tesouros que moitos tivemos a sorte de desfrutar durante anos e que agora queremos poñer á disposición dos visitantes”.

A iniciativa ten por finalidade complementar o catálogo de rutas guiadas a través dos diferentes concellos que integran, as cales xa están dispoñibles na web.

Desde a Mancomunidade avanzan traballos durante as vindeiras datas para seguir fomentando os recursos fluviais da comarca, promovendo as súas potencialidades para deste xeito dotar ao xeodestino dun novo atractivo que se sume á súa xa ampla oferta de espazos naturais.

A iniciativa, posta en marcha coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, reafirma a consolidación da Mancomunidade nun evento da magnitude de FITUR desde a súa consolidación como xeodestino no ano 2022.


Comments


bottom of page