A Mancomunidade de Ordes e Cruz Vermella de Ordes impulsan unha iniciativa educativa polo Día Internacional da Muller
- Crónicas da comarca
- 10 mar
- 1 Min. de lectura

Con motivo do Día Internacional da Muller, a Mancomunidade de Ordes e Cruz Vermella de Ordes puxeron en marcha unha iniciativa colaborativa dirixida aos centros educativos da comarca. Esta proposta ten como obxectivo poñer en valor as contribucións das mulleres en distintos campos do coñecemento, fomentar a igualdade e visibilizar referentes femininos menos coñecidos.
A través desta actividade, os centros educativos participantes tiveron que escoller unha temática xeral —como arte, música, historia, política, inventos, entre outras— e cada clase, desde 5º de Primaria ata 4º da ESO, seleccionou a unha muller destacada dentro desa área.
Unha vez escollida a figura feminina a representar, o alumnado traballou en equipo para crear dúas ou tres cartolinas de tamaño A5, proporcionadas pola Mancomunidade. Nelas plasmaron información biográfica e os logros máis relevantes de cada muller, promovendo
así o proceso de investigación, a creatividade e as habilidades comunicativas do estudantado.
Como resultado final farase unha exposición pública en cada concello, onde se amosa o traballo realizado polos alumnos e alumnas, reforzando así a mensaxe de igualdade e o recoñecemento das mulleres que deixaron pegada na historia.
Comments