top of page

A Merenda de Aiazo chega o domingo 13 de abril á maioría de idade


A degustación gratuíta de tortillas de masa comezará ás 12:00 horas e pola tarde haberá verbena con París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.
A degustación gratuíta de tortillas de masa comezará ás 12:00 horas e pola tarde haberá verbena con París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.

A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 13 de abril a edición número dezaoito da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.

 

A partir do mediodía, unhas 30 cociñeiras comezarán a preparar as tortillas de masa, que se poderán degustar de balde con cada consumición ou comprar para levar en caixas de pizza. Unhas merendas elaboradas cunha base común a base de ovos, auga e fariña, pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

 

Durante a mañá, a sesión vermú estará amenizada polo grupo Unión e Fuerza. Como todos os anos, haberá xogos infantís, postos de artesanía, food-truck, cantina e polbeira aberta todo o día, así como a novidade dun posto de xeados artesáns. Pola tarde, a música seguirá o ritmo da Charanga BB+ e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a tradicional verbena con Unión e Fuerza e a Orquestra París de Noia.

 

Tanto a degustación de merendas como os xantares faranse baixo grandes carpas, xa que as previsión meteorolóxicas a día de hoxe indican choiva. A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas.

 

As persoas que desexen colaborar coa financiación da Festa da Merenda poderán facelo adquirindo os tradicionais panos conmemorativos (1,5 euros), as rifas para o sorteo dunha cesta (3 euros) ou un novo pack de pano, camiseta e taza conmemorativa por 12 euros. A XVIII Festa da Merenda está organizada pola asociación de veciños Os Pasos de Aiazo, en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, a través do proxecto Nantronte.


Comments


bottom of page