
Logo de Frades, é a quenda de Mesía de albergar a iniciativa ‘Os lugares do paraíso’ que organiza a Mancomunidade de Municipios da Comunidade de Ordes. Despois da boa acollida da primeira actividade, a segunda visita guiada terá lugar este domingo, 4 de decembro. A saída comezará cunha visita á fraga de Areosa, un espazo natural de gran valor medioambiental pola frondosidade e diversidade da súa flora.
A continuación, a actividade continuará nas brañas de Valga, na parroquia de Visantoña. Esta paraxe está marcada polas súas lagoas no que se integra a Aula de Natureza e Centro de Interpretación do Barro, con información sobre o espazo e o seu pasado como punto de extracción deste material.

A derradeira parada da xornada terá lugar no castelo ou torre-fortaleza de Mesía, unha edificación militar datada do século XV da cal se conservan as defensas exteriores logo de ser derrubada nas revoltas Irmandiñas e restaurada posteriormente por Alonso II de Fonseca.
A saída terá lugar desde a rúa Entreparques de Ordes ás 09.30 horas e a hora de chegada está prevista para as 14.30 horas.
As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición de balde ata o venres, 2 de decembro, a través do enderezo info@viaxesalumar.com ou chamando ao 678 776 951.
Comments