top of page

A rapazada do CPI Ponte Carreira súmase ao 8 de marzo



A casa consistorial de Frades acolleu esta mañá actividade conmemorativa do Día Internacional da Muller consistente nunha concentración e lectura do manifesto oficial do 8 de Marzo. Unha proclamación que foi lida pola concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade, Conciliación e Atención ao Menor, Ángeles Álvarez Carro.


Pola outra banda, o alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI Ponte Carreira asistiron á posta en escena dunha peza de teatro a cargo do alumnado de 2º da ESO, que puxeron en práctica o aprendido no teatro-foro para a educación en valores que se levou a cabo neste centro educativo nas últimas semanas. Este xoves 10 de marzo está prevista unha segunda sesión á que asistirán as familias da rapazada.


Resto de actividades

A maiores, o Concello de Frades volverá a levar o seu punto informativo sobre muller e igualdade á feira de Ponte Carreira, que terá lugar este venres 12 de marzo. Deste xeito, este punto repartirá material formativo e facilitará asesoramento a todas as persoas que se acheguen, tal e como se fixo os pasados 26 de febreiro e 4 de marzo en Ponte Carreira e Abellá.


Esta programación especial rematará o 31 de marzo cunha charla coloquio na que unha vítima de violencia de xénero lles contará a súa experiencia e recuperación posterior ao alumnado do IES de Ponte Carreira. Este programa, organizado polo Concello de Frades, conta coa colaboración do Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Comments


bottom of page