top of page

A RPT de Ordes asigna labores de comunicación ao posto de informática



O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, remitiu a pasada semana,en representación da Xunta de Goberno, unha carta a José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, para expresarlle o malestar do Colexio ante as últimas modificacións das relacións dos postos de traballo (RPT) aprobadas pola corporación municipal o pasado 27 de maio.

En concreto, a misiva fai referencia ao feito de que a ficha de funcións atribúe para o denominado como posto ‘informático’ labores que son claramente informativas, como o tratamento, a elaboración e a difusión de información, e que deberan ser levadas a cabo por un profesional da comunicación. Desde o Colexio lémbraselle ao rexedor ordense que esta atribución de funcións a unha persoa que non é xornalista pode ser considerada "intrusismo".

En cumprimento do seu obxectivo de defensa da profesión, o Colexio de Xornalistas solicita ao alcalde de Ordes que rectifique a devandita RPT para devolver as funcións do tratamento, elaboración e difusión da información ao posto do gabinete de comunicación, garantindo así que a información relacionada co concello sexa tratada por un profesional en base ás funcións que só a titulación en Xornalismo, Comunicación ou a colexiación poden garantir.

Commentaires


bottom of page