top of page

A VÍA VERDE COMPOSTELA–TAMBRE–LENGÜELLE PARTICIPA NO 21º CONGRESO IBÉRICO DA BICICLETA

ree

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle participou no 21º Congreso Ibérico ‘A Bicicleta e a Cidade’, que se celebra en Santiago de Compostela entre os días 26 e 29 de xuño. Alex Doval, presidente da Asociación, interveu nunha das mesas temáticas do programa oficial, ‘Relatos breves de mobilidade: arquitectura, tren e cidade’.

Na súa intervención, Doval presentou o proxecto da Vía Verde como unha “infraestrutura pensada dende a bicicleta e para a bicicleta”. Segundo explicou, a vía aproveita o antigo trazado ferroviario que unía Santiago de Compostela con Cerceda, atravesando Oroso, Ordes e Tordoia, e conta con 26 quilómetros habilitados, cos 10 quilómetros restantes ata Santiago en fase de execución.

En relación ao uso ciclista, sinalou que “a bicicleta non é un complemento, senón a estrutura da vía”, e que o proxecto “non nace para o lecer de fin de semana, senón para ofrecer unha alternativa de mobilidade real e diaria entre concellos”. Afirmou que “o ritmo da bicicleta encaixa cos desprazamentos cotiáns e coas distancias entre os municipios implicados”.

Segundo os datos achegados, en 2024 a estación de A Pontraga, no termo municipal de Ordes, rexistrou máis de 54.000 tránsitos, fronte aos 28.000 contabilizados en 2023. Doval indicou que o 60 % dos usos corresponden á veciñanza da zona, polo que estes datos mostran que “estamos diante dunha infraestrutura con función clara de mobilidade interurbana”, segundo expresa Doval.

A intervención tamén recolleu exemplos de accións paralelas desenvolvidas pola Asociación para promover o uso da bicicleta e reforzar o vínculo social co territorio. Doval explicou que se puxeron en marcha campañas audiovisuais con deportistas locais como embajadores da vía, e que se recolleron testemuñas de usuarios reais para “dar visibilidade á experiencia cotiá da xente que emprega a vía a diario”. Engadiu que a campaña ‘Novas Xeracións da Vía’ “permitiu implicar a centros escolares e promover itinerarios seguros para a infancia e mocidade”.

O presidente da Asociación tamén explicou que “a vía non é unha liña neutra sobre o territorio, senón un espazo no que se activan relacións sociais, educativas e económicas”. Detallou que, ademais do uso directo da infraestrutura, impulsáronse campañas con deportistas locais, recollida de testemuños veciñais e proxectos escolares. “Queremos que a vía sexa parte da vida diaria, non un espazo alleo nin limitado ao turismo”, indicou.

No relativo á arquitectura herdada, afirmou que “as estacións, pontes e apeadoiros non se eliminaron, senón que foron reutilizados para novos usos comunitarios”, e engadiu que cada un deses elementos “mantén a memoria do tren mentres se adapta a un novo propósito”.

A intervención tivo lugar nunha mesa compartida con Faustino Gómez Rodríguez (Composcleta), que presentou o caso da ciclovía Santiago–Milladoiro; David Hernández Raja (Comunalitat Urbana de 9 Barris, Fundació Pare Manel), que falou sobre bicicleta compartida; Marta Lladó Cardona (Associació Bici Terrassa Club), que expuxo o protocolo contra o acoso vial; e Ángel Luis Duarte Sastre (Universidade de Cádiz), que presentou unha análise sobre mobilidade ciclista en contextos transfronteirizos como Gibraltar.

Comentarios


bottom of page