A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle recibirá melloras no trazado, nova iluminación e conexión wifi.
- Crónicas da comarca
- 10 feb
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 6 mar
A Asociación de Concellos da Vía Verde asina un convenio de colaboración de 128.000 euros coa Deputación da Coruña para acometer melloras de grande interese para os seus usuarios.

O pasado 7 de febreiro de 2025, a Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela- Tambre-Lengüelle asinou un novo convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, para financiar actuacións de mellora na senda peonil e ciclista máis longa de Galicia.O acordo, cun orzamento de 128.000 euros, permitirá optimizar o trazado, reforzar a iluminación e instalar zonas Wi-Fi, entre outras actuacións.
No acto de sinatura deste novo convenio, participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Oroso e presidente da Asociación de Concellos Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, Álex Doval, e o deputado responsable da Vía Verde, Antonio Leira.
Entre as intervencións destacadas, atópase a mellora dos trazados alternativos á senda, especialmente en puntos onde a vía orixinaria do ferrocarril foi ocupada coa liña de alta velocidade. Tamén se inclúe no proxecto a ampliación da iluminación ao longo do túnel do concello de Oroso, debido a insuficiencia que presenta o sistema de autoabastecemento enerxético da iluminación, especialmente nos meses con menos luz solar. Do mesmo xeito, levarase a cabo a instalación de sinalización complementaria con indicacións de dirección, información turística e o plan de evacuación. Outro dos proxectos máis novidosos que presenta este convenio, consiste na creación de zonas Wi-Fi que suplan a falta de cobertura e de internet en amplos treitos da vía.
Así mesmo, as fortes choivas provocaron desperfectos no pavimento que deben ser corrixidos, polo que unha partida resérvase para solucionar este tipo de incidencias, que contemplan tamén a recollida de pluviais baixo pasos elevados e tamén obras de drenaxe e recollida de augas en puntos concretos. Por último, o plan contempla a subministración e instalación de papeleiras, a recuperación de camiños de servizo que daban acceso ás parcelas lindeiras e que quedaron en desuso, e a adquisición de mobiliario para a oficina da Asociación, que está previsto que se instale na antiga estación de Cerceda.
O investimento total ascende a 149.108 euros, dos cales a Deputación da Coruña sufragará o 85%. Valentín González Formoso, destacou que o acordo “permitiranos seguir mellorando a maior Vía Verde de Galicia e dotándoa de máis e mellores servizos para os miles de usuarios que xa gozan dela, como unha iluminación adecuada nos túneles ou cobertura Wifi ao longode todo o traxecto”.
Da mesma forma o presidente da asociación, Álex Doval, agradeceu á Deputación esta nova vía de colaboración, que ven a ser "un paso máis do compromiso que teñen os concellos de Ordes, Tordoia, Cerceda, Oroso e Santiago de Compostela en achegar a Vía Verde a todas as persoas nas mellores condicións.
Na actualidade estanse a executar as obras para incorporar 10 novos quilómetros en Santiago de Compostela aos 26 xa operativos desde 2022 e acadar, así, unha lonxitude total de 36. Estes traballos do termo municipal de Santiago divídense en dúas fases que, no seu conxunto, supoñen un investimento de máis de 1,8 millóns de euros.
Comentários