A Xunta destinou 90.000 euros para mellorar infraestruturas turísticas en Frades, Tordoia e Trazo
- Crónicas da comarca
- 22 feb 2022
- 1 Min. de lectura

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, supervisaron, esta mañá, as obras de acondicionamento do Miradoiro no Picoto de Arnexo, que contou cunha axuda da Xunta de máis de 30.000 euros.
Na visita, Trenor salientou varios investimentos da Xunta en materia de infraestruturas turísticas na provincia. En concreto, o representante do Goberno autonómico referiuse á orde de apoios dirixida aos concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas que repartiu máis de 370.000 euros o ano pasado. Destes, un total de 90.000 euros investiuse en concellos da comarca de Ordes como son Frades, Tordoia e Trazo.
No caso de Frades, destináronse 30.000 euros para a sinalización dos recursos turísticos do concello. En Tordoia, a mesma cantidade para o acondicionamento e mellora das rutas de sendeirismo PR-G 88 e PR-G 89. E en canto a Trazo, destináronse tamén 30.000 euros para beirarrúas e a rede de pluviais en Chaián. É a única das obras cuxo investimento completo, que ascende a algo máis de 77.000 euros, non se cobre coa axuda da Xunta.
O Goberno galego aposta con estas subvencións polo fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos destes municipios co obxectivo de consolidar a oferta turística destas zonas a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
Comentários