O aumento "explosivo" de positivos de COVID-19 en Galicia ao longo do verán leva a Xunta a optar novamente pola vía das restricións, ante a realidade de que a pandemia medra especialmente nas franxas de idade que aínda non accederon á vacina. O comité clínico da Xunta aborda o novo caso tipo -mozos onde a doenza se manifesta de forma menos grave- cun novo modelo de restricións, tal como sinalou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na comparecencia desta mañá. Durán indicou que a carga asistencial dos hospitais será un factor a ten en conta xunto á incidencia acumulada para pór e quitar restricións. A vacinación permite que, ata o de agora, a carga nos hospitais non sexa tan grave como en momentos previos da pandemia. Porén, a transmisión segue a ser preocupante, cos 800 novos casos detectados onte, martes, elevando as cifras galegas a 6.300. Só 10 destas persoas están na UCI e 57 en hospitais.
As novas medidas entrarán en vigor na medianoite do venres ao sábado. A hostalería quedará limitada a grupos de 10 persoas en exteriores e 6 en interiores. Recoméndase seguir estes mesmos números no resto de encontros sociais. Non se descarta, segundo sinalou o conselleiro de Saniade, Julio García Comesaña, que esta medida chegue a ser obrigatorias. As probas diagnósticas para acceder aos locais de hostalaría con horario nocturno serán obrigatorias en todos os concellos, estendendo así a obriga que a semana pasada atinxía a concellos en nivel medio.
Ningún concello da comarca de Ordes sae do nivel baixo.
Comments