
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o concello de Ordes para presentar os avances realizados na redacción da primeira Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de parques empresariais ante máis dunha vintena de empresarios do municipio coruñés. Este documento, un manual impulsado pola Xunta, recollerá ideas e recomendacións para que o desenvolvemento deste tipo de espazos se faga de forma harmónica e integrada coa contorna.
Como punto de partida dos traballos, explicou que se están a analizar 26 áreas empresariais rurais e urbanas de toda Galicia —unha delas, o polígono ordense— e que a información recompilada se utilizará na redacción dun manual de boas prácticas que ofreza solucións técnicas a problemas e cuestións que, de forma habitual, hai que resolver cando se planifica un polígono ou se queren ampliar e mellorar os xa existentes.
Entre as principais casuísticas ás que se pretende responder con esta guía, Ángeles Vázquez mencionou a escaseza de zonas verdes, a localización de certos equipamentos en lugares estratéxicos, os problemas de aparcamento ou a necesidade de habilitar espazos para os peóns para facer dos polígonos lugares máis amables. O documento estará listo no primeiro semestre de 2022.
O alcalde de Ordes, José Luis Martínez, agradeceu que o polígono deste municipio fose un dos escollidos pola Xunta como modelo para analizar a situación deste tipo de infraestruturas na Comunidade e elaborar un documento que considerou que terá unha gran utilidade práctica.
Comments