O castro da Croela, en Trazo, está a ser obxecto de traballos de control arqueolóxico, limpeza, documentación e sinalización. Ademais, vaise crear unha unidade didáctica, grazas a un investimento de 8.600 euros da Xunta. A actuación comezou estes días e durante a mesma estase a retirar vexetación e árbores mortas, de forma que se claree a superficie do recinto principal, os parapetos e foxos. Tamén se está levando a cabo o levantamento topográfico mediante fotogrametría de alta precisión do xacemento en toda a súa extensión.
Trátase dun poboado fortificado da Idade Ferro localizado nun meandro do río Lengüelle, na parroquia de Santa María de Castelo. Consta dun recinto principal, ou croa, de planta case que circular cun diámetro aproximado de 120 m. Este recinto está delimitado por un parapeto de 7-8 m de altura e un foxo. Está incluído no Catálogo do PXOM de Trazo.
Os traballos foron visitados onte polo delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e mais a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez.
Comments