A Xunta informou hoxe aos alcaldes de Santiago de Compostela, de Ames e de Brión da estabilización dos parámetros das augas do río Tambre, así como dos traballos que continúa a realizar na zona da orixe do vertido para previr arrastres. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron hoxe unha xuntanza cos alcaldes dos concellos que se abastecen da auga do río Tambre.
No encontro, a Xunta de Galicia informou dos traballos que está a realizar desde o primeiro momento na zona de orixe do vertido, unha granxa situada na parroquia de Santa María de Trazo, con medidas de vixilancia e contención.
No punto do vertido estase a frear o xurro mediante gabias de contención de 150 metros lineais con alpacas de gran tamaño e con sepiolita, que absorben o material contaminante e evitan as infiltracións. Ademais, nas marxes do regato de Portaferreiros, o afluente do río Tambre afectado polo vertido, habilitáronse balsas de retención que se drenan para retirar a continuación o material sólido. Máis de 15 persoas de Augas de Galicia traballan con apoio de retroexcavadoras sobre o terreo, onde tamén está mobilizado persoal do Concello de Trazo.
O obxectivo destas actuacións é evitar o arrastre de material líquido contaminante cara ao río Tambre e retirar os restos de sólido que permanecen no regato para que, ante o episodio de chuvias previsto, non se produzan alteracións nas augas do río Tambre.
Na xuntanza desta tarde, informouse de que desde o pasado sábado os valores de oxíxeno e de condutividade do río Tambre, parámetros que se viran alterados polo vertido, evolucionan favorablemente e na actualidade atópanse xa estabilizados.
Augas de Galicia continúa a colaborar coas forzas e corpos de seguridade para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o vertido de xurros, que serán determinantes para concretar o alcance do expediente sancionador que está xa en tramitación.
コメント