top of page

A Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica municipal

Actualizado: 6 nov 2020



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que, logo de meses de pandemia, o Goberno galego informará semanalmente da situación epidemiolóxica a nivel municipal segundo o nivel de casos novos e co obxectivo de que cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito local, sen comprometer o dereito á confidencialidade da historia clínica. Foi o principal acordo da xuntanza que a semana pasada mantiveron o propio Núñez Feijoo, o vicepresidente primeiro Alfonso Rueda e os titulares de Facenda e de Sanidade, Valeriano Martínez e Julio García Comesaña, cos representantes da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). Nesta reunión, a entidade que preside o socialista Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, reclamou á Xunta medidas para que os municipios poidan implementar mecanismos propios e necesarios de loita contra a COVID-19.

Para ofrecer esta información, Feijóo explicou que se elaborarán dous mapas, un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta –verde, amarelo, laranxa e vermello- segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes -como é o caso de todos os da comarca de Ordes- e os de máis de 50.000.

Deste xeito, para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.

“Desta clasificación sairían dous mapas: un aos 7 días e outro aos 14 días, onde se indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, engadiu Feijóo, precisando que esta información se fará pública na web da Consellería de Sanidade.

Ademais, o titular do Goberno galego confirmou a decisión de convocar “de forma inmediata” unha nova reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, recordando que nos últimos anos se lograron "importantes consensos".

Comments


bottom of page