O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, participou esta tarde por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Nesta reunión, a Xunta volveu trasladar ao Ministerio o seu rexeitamento ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo, imposto pola normativa estatal.
O titular en funcións de Medio Rural está traballando da man dos propietarios dos galiñeiros
e das tendas de venda de aves para minimizar no posible as trabas que provoca este
trámite -facilitando a compra dos animais mostrando o DNI do titular- e reclama, ao tempo,
que o MAPA dea marcha atrás nesta cuestión, xa que -subliñou- o rexistro carece de
xustificación e que se abra a modificar o Real Decreto que regula esta materia.
José González definiu esta obriga legal de ter que rexistrar os galiñeiros de autoconsumo como un exemplo de burocracia innecesaria que enlaza coa necesidade de atender ás particularidades do territorio, no marco das demandas de Galicia arredor da PAC. Así, a Xunta ve insuficiente a proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC
(Pepac) 2023-2027 remitida polo Goberno ás comunidades autónomas.
Este documento “non se axusta ás nosas necesidades”, tal e como trasladou o
conselleiro do Medio Rural en funcións no seo do devandito Consello Consultivo.
González volveu reclamar ao ministro Planas “unha maior amplitude de miras e ambición”
na modificación, tal e como insistiu Galicia nas reunións técnicas celebradas nas últimos
días. Neste contexto, o conselleiro insistiu en demandar unha maior flexibilidade na
aplicación da PAC, tal e como seguen esixindo tamén agricultores e gandeiros “e así se
puido ver de novo esta pasada fin de semana en Madrid”, aseverou.
Comments