top of page

A Xunta investirá 310.000 euros en renovar a cuberta do CEIP de Sigüeiro


O conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, visitou o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro para presentar o proxecto de renovación da cuberta deste centro, unha actuación que contará cun investimento de máis de 310.000 euros e que forma parte da reforma integral deste colexio. O inicio da obra está previsto para o segundo trimestre do próximo ano.

Un acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o Alcalde de Oroso, Alex Doval, quen salientou que as obras “garanten un espazo máis seguro e confortable para todo o alumnado e persoal do centro”. Ademais, asegurou que “mentres uns falan, outros actuamos”, en referencia ás críticas realizadas polo PSOE horas antes da visita do conselleiro lle pedían “que se deixen de seguir facendo promesas e fagan as obras necesarias”.

Cinco millóns

Fronte a isto, a propia Consellería de Educación confirmaba que “nos últimos anos, a Xunta de Galicia xa ten investido máis de cinco millóns de euros nos centros educativos de Oroso, entre eles o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés e o IES de Oroso, mellorando os espazos de aprendizaxe para todos os nenos e nenas do concello”.

A intervención anunciada por Román Rodríguez ten como obxectivo mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética do colexio, beneficiando o día a día de toda a comunidade educativa. A obra consistirá na instalación dunha cuberta de panel sándwich de 30 milímetros de espesor na edificación principal e no anexo posterior. Ademais, substituiranse os paneis de policarbonato actuais por placas de policarbonato celular, e instalaranse novas baixantes e unha canle de recollida de augas pluviais en aceiro galvanizado.

Finalmente, dende a ANPA A Nosa Escola agradeceron a oportunidade de reunirse co conselleiro para trasladarlle a súa preocupación pola escaseza de recursos educativos que sofre o colexio.

Comentários


bottom of page