O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, supervisaron esta mañá o resultado das obras de renovación das beirarrúas no polígono industrial de Merelle que contaron cunha axuda da Xunta de 120.000 euros e un investimento total de 150.000 euros en colaboración co concello.
As obras consistiron no acondicionamento de 3.185 m2 diferenciándose 2.860 m2 para o tráfico peonil, que se pavimentaron con 10 cm de formigón en pavimento sobre unha capa de zahorra de 10 cm de espesor e 325 m2 nas entradas das naves nos que o pavimento foi reforzado pola necesidade de soportar o peso de vehículos. Neste caso empregouse 20 cm de formigón en pavimento sobre 10 cm de zahorra.
Baixo as beirarrúas colocáronse 845 metros de tubo de polipropileno verde para a canalización soterrada do alumeado público e 23 arquetas, así como 53 metros de canalización eléctrica en baixa tensión con tubos de polietileno corrugado de dobre parede e unha arqueta. Completaron a obra coa instalación de 3 arquetas con sumidoiro, a reposición da sinalización horizontal do viario local do polígono e coa adaptación dos pozos e arquetas existentes á nova rasante.
Trenor lembrou que estes apoios xa permitiron impulsar máis de sete proxectos na comarca de Santiago durante a convocatoria do ano pasado cunhas axudas de máis de 786.000 que mobilizaron case un millón de euros e concretamente realizáronse obras nos polígonos dos municipios de Santiago de Compostela, Negreira, Tordoia, Boqueixón, Melide, Ordes e Oroso.
Durante a visita o delegado da Xunta informou que, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, están nestes momentos convocadas axudas por un total de 8,35 millóns de euros para as tres ordes deste ano 2022 destinadas á mellora dos parques empresariais galegos, co obxectivo de renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade do tecido empresarial galego. Trenor destacou que “estas liñas contribúen a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia”.
Comments