top of page

A Xunta licita a humanización das rúas Mediodía e Victor González Faya


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, anunciou a licitación das obras de humanización das rúas Mediodía e Victor González Faya, que contarán cun investimento de case 400.000 euros para levar a cabo a súa mellora integral. As empresas interesadas en levar a cabo esta actuación contan de prazo ata o 15 de setembro para presentar a súas solicitudes.

As intervencións que se propoñen no proxecto son a demolición de beirarrúas e demolición, explanación e limpeza do terreo; logo levarase a cabo a pavimentación e o asfaltado. A obra contempla tamén a reposición das tubarías de pluviais e augas residuais. Ademais, instalaranse un novo equipo de alumeado exterior e nova sinalización viaria para rematar con pintura da superficie da calzada.


Trenor destacou que esta obra é posible grazas ao convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, onde se recolle que a Xunta licita as obras do proxecto redactado polo Concello, que tamén asumirá o mantemento e conservación unha vez recepcionadas as actuacións. O prazo de execución das obras é de seis meses.

Esta intervención inclúese dentro do plan Hurbe que inclúe proxectos que apostan por apoiar e financiar obras coas que se melloren os espazos das vilas galegas e, sobre todo, aqueles que melloran a funcionalidade e dan prioridade de uso aos veciños.


A intervención prevista realizarase en dúas rúas do solo urbano moi transitadas porque a rúa Mediodía enlaza coa N-550 e a rúa Víctor González Faya é paralela á estrada nacional polo que esta actuación servirá para mellorar a mobilidade en toda a zona centro do Concello.


コメント


bottom of page