top of page

A Xunta recoñece o "compromiso" co emprego dos concellos da comarca de Ordes



O obradoiro de emprego dual de Ordes, Frades e Mesía, así como o de menores de 30 anos da Mancomunidade de Ordes, clausuráronse esta mañá coa presenza do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. O Goberno galego financiou estes programas con 715.000 euros a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.


No caso do obradoiro dual formaron a 20 alumnos en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e en Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas; e o taller de formación específico para menores de 30 anos que formou a 16 persoas desempregadas en Fábricas de Albanelería e Traballos en Carpintería e Moble.


Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademáis de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un emprego, complementase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.

O representante do Goberno autonómico destacou o compromiso dos concellos de Ordes, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo e Cerceda coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan. Ademais, neste caso subliñou especialmente a súa capacidade para unirse e traballar conxuntamente cun obxectivo común para ofrecer aos seus veciños oportunidades de formación e máis posiblidades de atopar un emprego.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Comments


bottom of page