A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe de impacto ambiental favorable ao proxecto para a construción da Rolda Sur-Oeste, que conectará a estrada N-550 coa estrada AC-413. Unha decisión coa que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon fin á tramitación ambiental do proxecto.
A Rolda Sur-Oeste de Ordes parte da intersección entre a N-550, no PK 36+900, e a AC-524 e vai cara ao suroeste ata a intersección da prolongación da rúa Coruña, con acceso ao IES Maruxa Mallo. Desde aí segue cara ao suroeste rodeando a parcela na que se atopan o cemiterio, o tanatorio do Balado e o punto limpo para dirixirse cara ao norte ata a intersección entre as estradas DP-5903 e AC-413.
A nova variante terá unha lonxitude de arredor de 2,5 quilómetros que incluirá a execución de dúas glorietas: a primeira no seu punto quilométrico 0+560 e a segunda na conexión coas estradas AC-413 e DP-5903. No trazado tamén se inclúe unha intersección tipo T con carrís centrais no acceso ao cemiterio municipal e ás instalacións do punto limpo de Ordes.
A maiores o deseño inclúe un carril bici e unha senda peonil que discorrerá pola marxe esquerda da futura estrada desde a N-550 ata a primeira glorieta e pola marxe dereita desde esa primeira glorieta ata a segunda, dando así acceso peonil ata o cemiterio municipal.
Comments