O comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de COVID-19 en Galicia, vén de levantar as restricións especiais en Trazo, así como tres concellos da provincia de Ourense, Verín, Amoeiro e Coles; noutros dous da provincia da Coruña, Boqueixón e Val do Dubra; nun da provincia de Lugo, Monforte; e noutro da provincia de Pontevedra, Campo Lameiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2. Así o acordou a Consellería de Sanidade logo da reunión de onte pola tarde, presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Así mesmo, os expertos que avalían a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar ao concello de Moaña ao grupo de municipios con restricións especiais.
As medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores.
Ademais, cómpre salientar que nas localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o comité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.
A Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia, e solicita a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas. Sanidade quere remarcar, unha vez máis, que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar as súas restricións.
A falta de coñecer as medidas concretas polo DOG, en xeral o nivel 2 contempla as seguintes restricións:
As xuntanzas seguen a reducirse a cinco persoas, que poden non ser conviventes. A capacidade máxima de comercios, lugares de culto e restaurantes é do 50% e o servizo de terraza só pode funcionar ao 75%. Non se permite consumir nas barras dos bares. As festas seguen prohibidas.
O número de asistentes a casamentos será como máximo de 100 persoas en exteriores e 50 en interiores. Aos velorios e enterros en exteriores poderán asistir 25 persoas, e en interiores 10.
En espectáculos deportivos ao aire libre non poderá haber máis de 150 persoas, 60 en zonas cubertas.
Comments